Faldón superior

Propuestas


«Ao principio foi unha sorpresa constante, tamén para os veciños». O párroco de Ferreira de Pallares conta que corrían os primeiros anos setenta -leva corenta ao coidado das almas da freguesía- cando desenterrou no templo parroquial a marabillosa capela gótica dos Taboada, á dereita do altar maior.O crego sospeitou que tras ese arco apuntado, que arranca coa figura dun anxo á esquerda, que ten como clave unha peza que representa un home de medio corpo que sostén o libro e que remata na parte esquerda cun rostro enigmático que puidese ser a sinatura do escultor -«ou o retrato dalgún benfeitor»- podía haber «algo» agochado.

«Non me acorda cantas carretillas de terra quitamos e como foron aparecendo os sartegos, as esculturas, os blasóns...». A factura baixomedieval dos arcosolios apuntados e a bóveda nervada vixía o eterno descanso dunha dama e dun cabaleiro, marcados coas armas dos Taboada, dos Camba e dos López de Lemos.

Don José chama a atención cara a un dos catro animais que está ao pé do

 sartego do cabaleiro. Seica son leóns, pero é moi factible que o canteiro que o tallou no século XV non vise un nin debuxado. «Ven esta marca da cabeza? -pregunta o crego-, pois fixémoslla sen querer cando sacabamos a terra, ao golpeala cunha ferramenta», reme mora, con mágoa.

A pedra da capela é rubia e verde. Óxido de ferro e actividade biolóxica produto da humidade, xa que esta peza, que substituíu a unha anterior, está ergueita na parede sur, que é por onde petan os ventos que carrexan humidade.

A igrexa parroquial de Guntín naceu como mosteiro na segunda metade do século IX e foi logo rexido polos beneditinos, que tiveron alí casa ata que pasaron a depender de Samos e, coa desamortización de Mendizábal, perderon as súas propiedades. «En 1890 morreu o derradeiro monxe e empezou o tempo dos párrocos», relata don José.

O templo, o claustro e o que queda en pé do que foi o mosteiro e a súa contorna constitúen un excelente mostrario para o 

estudo da historia da arte sacra e da popular. O percorrido, se fose cronolóxico, debería comezar pola actual fachada da casa reitoral, para a que se reciclaron elementos anteriores; entre eles, un epígrafe que ben puidese ser do século X e un modillón visigótico, con dúas grandes rodas de radios curvos e unha roda máis pequena no centro e con motivos decorativos que semellan emparentados cos petróglifos castrexos.

Como pasa coas modas, logo chegaría á arquitectura peninsular o tempo do románico: sobriedade: contrafortes poderosos e ventás pequenas. O mosteiro de Pallares non está en ningún dos camiños de Santiago, pero queda nun punto equidistante dos trazados primitivo e francíxeno e os monxes bieitos tiveron responsabilidades xacobeas como hospitaleiros. Quizais de aí o emprego como elemento decorativo -na ábsida, a parte máis antiga da igrexa- do taqueado xaqués, propio dos templos de peregrinaxe.

Os capiteis teñen motivos vexetais e as canzorras, todas diferentes, amosan piñas, flores e mesmo unha serpe ou un home a termar dos seus pecados. Románicas son a porta principal, a porta norte e a porta sur, que era a de comunicación co cenobio e que ten un año esculpido no tímpano.

A altura da nave interior e a capela dos Taboada falan do gusto gótico que chegaría contra a fin da Idade Media, mentres que o claustro do cenobio é de estilo renacentista tardío. Ten unha palmeira ergueita no medio e medio e José González, consciente de que non é unha especie árborea moi habitual nun mosteiro, non foi quen de dar coa súa orixe. «Iso si, medrou máis da metade nos corenta anos que levo eu aquí».

Conta a lenda de Pallares que xunta a palmeira había un pozo, pero non un pozo calquera. «O mosteiro tiña unha torre exenta no medio da Praza da Campá, que funcionou como cárcere municipal e que estaba comunicada co cenobio por un pasadizo. Dicían que ían por el os presos e se non se arrepentían ao cruzar a igrexa, acababan no pozo de coitelas do claustro. Nunca tal atopoei».

Andamos xa no século XVIII e no barroco de pan de ouro e columnas salomónicas do retablo maior, de Juan Ozores, e «un dos mellores da diocese de Lugo; sobre todo, se temos en conta parroquias tan pequenas». Ocupa un lugar senlleiro un san Rosendo de Celanova de 1,80 metros. Polos arquivos parroquiais sábese que custou máis «o pan de ouro, 1.000 reais, cá factura, 800 reais. A madeira puxérona os monxes», segundo apunta don José.

Este retablo principal foi aquelado en 2008 coa axuda da Consellería de Cultura, pero para a restauración dos laterais, recén rematada, os fregreses de Ferreira de Pallares abordaron mediante suscrición popular -o que agora se vén chamando ‘crowdfunding’- o financiamento. Aquí foi imprescindible o pulo do sacerdote, incide Carlos Varela, o presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, pero o crego quítase importancia e sostén que ogallá o cenobio atraia visitantes e o interese das institucións, «para que non esmoreza».

O traballo da firma lucense Parteluz restaurou agora o altar de san Benito e o dun san Sebastián ao que lle caeu algunha das frechas que lle puxera o escultor no seu día. Os labores permitiron recuperar unhas pinturas murais marabillosas que agora locen detrás do fundador dos beneditinos e outras máis sinxelas que gardan as costas do santo aseteado. «O máis recente dos tesouros agochados de Ferreira», sorrí o párroco.

Unha fonte milagreira e unha ponte medieval

Os que visiten o mosteiro de Ferreira farán ben en non esquecer unha botella ou garrafa, xa que a auga da fonte da Nosa Señora pode ser un souvenir fantástico. «Véñena buscar todos en Guntín e medio Lugo», anima o crego. Verque as augas a un sartego do primeiro Medievo e atribúenselle propiedades milagreiras. Está a fonte da Nosa Señora a carón do cenobio e a ponte Cabalar a uns poucos quilómetros. A contorna, recentemente acondicionada, forma parte duns roteiros sinalizados polo Concello de Guntín, que transcorren entre carballeiras e vexetación de ribeira.

 

Os documentos

O investigador Ángel Rey Caíña ocupouse de arquivar e estudar todos os documentos que foron custodiados desde o século IX no mosteiro. Garda o párroco copias dos orixinais e a compilación de Rey Caíña como un tesouro e neles pódese apreciar como o latín deu paso ao romance: o galego, primeiro e, logo, o castelán. O que se ten por un dos primeiros textos en galego é un pacto de behetrería de Munio Fernández Rodeiro, datado en Ferreira en 1247. Tamén en galego está gravada a inscrición da lápida do sartego de Ares Pérez de Taboada, que pode verse no claustro.

Visitas e información

Se non estivese o crego na reitoral, na casa de Desiderio -fronte á fonte- abren a porta da igrexa para visitas.

Teléfono: 982.320.056.

Web: www.asociacionmosteirodeferreira.es  

 

 

«Miña virxe de Saavedra/viñente ver de escapado/mentres o centeio medra/na luz do maio amaiado». Manuel María, o poeta da Chaira, xa cantou á Virxe dos Milagres, esa de pel branca e cabelos negros e crechos -non hai nada de misterio: foi porque a donante da perruca o tiña así-. É a que estes días acapara as olladas de milleiros de devotos, os que buscan a súa mediación para sandar feridas do corpo e da alma .

Os tempos están cambiando e a Fe, como a economía, ten os seus ciclos. E ao malos tempos, boa cara e pregarias, que segundo algúns, «non están de máis» ou por «ir a misa non che vai pasar nada».

«Antes -referíndose a época anterior aos 50- había moita máis xente, pero si que é certo que esta vindo moita xente nova, que non era de misa. O que si, eu non pregunto por que», comenta facendo un aceno de pechar os labios con cremalleira o cura deste santuario, Ángel Vigo Blanco.

A parroquia begontina de Saavedra vive hoxe e mañá os días grandes da Romaría dos Milagres. Milleiros de peregrinos de toda a provincia e doutras como A Coruña, contribuirán a enlear un recanto para a espiritualidade e a oración: a pesar da festa pagana, a devoción leva a batuta.

A dos Milagres de Saavedra marca no calendario o comezo de tempada das grandes celebracións relixiosas da provincia. Dende o pasado luns, veciños e visitantes encheron a diario o templo nas novenas. «Acabouse!», dicíalle un veciño a outro ao saír da misa do martes. «Por hoxe!», engadía con retranca e coa vocación de regresar.

En martes

Ás oito, novena de martes. «Empezamos un pouco antes para que non se nos fixera moi tarde», explicaba o cura. «Xa onte -polo luns- a igrexa estaba a rebote de xente», engadía orgulloso dos seus fregueses.

Tarde moi fría a do martes pasado. O inverno quere quedarse ata novembro e os fieis van chegando a pingueiras, como as pedriñas do rosario que se rezará para abrir a liturxia.

Teresa, Josefa e Ana (avoa, filla e neta), camiñan arredor do adro cunha pequena réplica en madeira da santa. As meixelas arroibadas, o ricto de quen está por uns momentos en contacto co alén. «Vimos de aquí ao lado, de Silvarrei», di a avoa. «Cando fas as promesas -ofrendas- hai que dar dúas voltas coa imaxe», explica.

De pelo cano, fraca e faladora, non rexeita compartir as súas experiencias como devota. «Eu xa viña de pequena, pero levo once anos seguidos vindo, dende que me operei de cancro. Foime moi ben. E hai uns anos tiven que operar da cadeira e tamén me foi moi ben».

«Foime ben», «fíxome moi ben». A cousa semella un xarope espiritual que tamén ten probado con éxito Manuel, que está acompañado na igrexa da súa dona, Esther (orando ante a virxe), e as fillas, Cristina e Inmaculada, que collidas do brazo escapan a fume de carozo.

Historia e lendas

Dos favores da piadosa Virxe hai historias e lendas que se remontan ao século XIX. Por exemplo, cóntase que nunha incursión das tropas de Napoleón nesas terras, os soldados intentaron entrar no templo para durmir cos seus cabalos, pero a Virxe, coa súa protección divina, impediulles o paso.

Outra crónica fala dun noble, do señor de Vilaguisada, que foi acusado inxustamente de asasinar ao seu criado nunha confusa noite de copas. Antes de ser xulgado, o reo pediu ir orar ante a imaxe da Virxe de Saavedra. Entón, camiño do santuario, no lugar de Fontetián, as esposas coas que viña prendido caeron aos seus pés, sendo suficiente proba da súa inocencia.

Pero o milagre con maior «forza no pobo, que aínda se segue a contar», di o sacerdote, é a intervención nun incendio nun palleiro preto do templo. Os veciños sacaron a imaxe da igrexa e entón o vento cambiou de dirección e o lume foise apagando.

Son todas historias sen datas, pouco científicas, obvio, que tiran máis para o lado da lenda, pero que seguen moi vivas na memoria colectiva. Milagres que converteron no santurario nun lugar de interese social, cultural ou antropolóxico.

A prestixiosa fotógrafa Cristina García Rodero, membro da axencia Magnum, chegou a terras begontinas nos oitena e nesa visita disparou imaxes tan representantivas do seu traballo como ‘La confesión’ ou, sobre todo, ‘El alma dormida’.

Son imaxes dun pasado recente do que as instantáneas dan fe de confesións no adro -por problemas puramente estruturais dentro da igrexa- ou fregueses penando de xeonllos... «Séguese a facer. Eu xa lles digo que non fagan tanto sacrificio», explica o cura. «Un pouco está ben, pero non como antes...».

Manuel, como moitos, non abunda nos ‘negocios’ que ten coa Señora miragreira, pero non perde esta cita dende hai uns sete anos. «Cousas familiares». «Pero todo o que lle pedín, cumpriuse», asegura. O dito, esa menciña inmaterial.

A maioria dos peregrinos das novenas previas ao día grande de hoxe, utilizan o coche para achegarse ao templo, máis se o cambio climático mallou este maio. Con todo, Manuel fixo o camiño andando dos ou tres anos e a cada edición aumenta a parroquia dos que simplemente peregrinan «por deporte», como di Enrique rindo; iso si, sen faltar.O martes partiu de Lugo coa súa muller, Layeta, e unha amiga, Maite. Saíron ás tres e media dende un café da Avenida da Coruña e fixeron tres horas de andaina -dende o centro de Lugo hai uns 18 quilómetros-. «Con tranquilidade. De feito, paramos en Ramil a tomar algo».

E na última estación, a do santuario, collen alento e as rapazas entran na misa. «Home, xa que estamos aquí, pediremos algo».

Para Layeta, de 34 anos, esta é a súa primeira visita á igrexa de Saavedra, un templo que cabe supoñer que fora románico, xa que hai constancia da súa existencia no século XVI, e que foi reconstruído no XX.

Érguese branquísimo no ceo e un dos seus maiores tesouros, ademais da imaxe da virxe -de estilo barroco-, é unha lápida funeraria do século XVI onde repousan os restos do noble Roi González Ribadeneira e a súa esposa, dona Violante de Losada, que os cronicóns sitúan como descendentes dos reis Alfonso XI e Sancho IV o Bravo, segundo apunta o José Luís Novo Cazón. «Incluso Roi puido ter certo parentesco con Pardo de Cela», continúa o historiador.

Para Layeta, o paseo ata a igrexa foi «divertido» e admite que algo si lle pedirá á santa. «Pero no se dice qué, que no se cumple», argumenta como un desexo.

Unha das características desta romaría é a peregrinaxe a pé, que segue vixente como suliña o párroco: «O ano pasado, no día grande, era todo unha cadea humana dende Garabolos ata aquí».Unha tarde de martes, claro, hai menos camiñantes. Pero non falta quen se apunta a todo, como Paco, de Lugo aínda que natural de Portomarín, e que entre o seu discurso anticlerical solta que case está alí de casulidade: «Vin porque había esto». Pero ao final da misa confesa: «Home, estou esperando á familia, a ver se piden algo tamén por min». «Pero entón medio crente é?». «E serei algo».

Dende o templo xa se escoitou o rosario, a solemnidade do ‘Yo confieso’ e agora os asistentes entonan o «Señor, ten piedad». O posto Churrería Luci, fronte á porta da igrexa, empeza a quentar o aceite. Ten medidos ao milímetro os tempos do oficio.

Como xa predixo o párroco Ángel Vigo, «a igrexa está a rebote».

Entre os homes da última fila sae unha muller, Eugenia, cun cativo, Diego. Os dous levan un cirio vermello nas mans que van colocar a un espazo habilitado a tal fin dentro do adro.

«Miña nai traeríame de pequena ofrecida, supoño. Eu son de Parga, pero veño todos os anos, incluso non só a esta romería», di mentras terma de Diego, que pregunta: «¿Es la misma misa?».

Aos seus poucos anos, a alma pía de Diego dá dúas razóns maxistrais de tenrura e lóxica nun contexto, o dos maiores, místico, e ás veces inexplicament receloso. «Fuimos a poner la vela por si se va la luz y nos fuimos de misa porque ya estaba cansado y me estaba portando mal». Non fose enfadar a Virxe.

Mestura coa festa pagana de grandes verbenas

As festas comezan hoxe con misas dende as 7.00 ás 13.30 horas. Pola tarde haberá misas dende as 17.30 horas ata as 21.00. A verbena correrá a cargo de Bámbola.

Eucaristías

Nesta xornada tamén haberá misas pola mañá e pola tarde, e actuará a orquestra Cinema.

Domingo

Ademais das misas e da actuación do dúo Camelia, terá lugar un servizo de comidas no campo da festa.

 

Festa filloa muimenta
Como sucede cada 1 de mayo desde hace ya más de dos décadas, Muimenta celebra una nueva edición de la Festa da Filloa, un evento que, año a año, supera su poder de convocatoria. Declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2008, este año la organización elaboró un amplio y variado programa, con múltiples alternativas de diversión para público de todas las edades.

 

Os bastóns tíranse de árbores, aínda que hai un caso no foi un bastón o que serviu de orixe para árbores. A milagre realizouna o misioneiro frei Rosendo Salvado (Tui, 1814; Roma, 1900), quen declinou unha proposta de Isabel II para ser bispo de Lugo.

O relixioso prefería lograr conversións en Australia, un país que xa visitara. Na volta daquela primeira visita en 1848 cun bastón no que gardaba secretamente as sementes dunha especie peculiar de árbore que nace no continente austral e se coñece como eucalipto. As sementes, plantadas en Tui para ofrecerllas a xeito de detalle aos amigos, acabarían atravesando Galicia nunha diagonal imperfecta que durou catro décadas e acabar catro quilómetros ao sur de Viveiro, en Chavín.

O mito (falso) do milleiro de nomes que teñen os inuits para a neve tórnase certeza en Galicia para darlle verbo ás distintas formas da auga. A profesora de Filoloxía da USC Elvira Fidalgo ten identificado máis dun cento de vocablos para referirse ao líquido elemento que cae dos ceos sobre as cacholas dos galegos. Seguro que non fai falta darlle moito traballo aos miolos para atopar varias ducias, xa que no que vai de exercicio meteorolóxico -comeza co outono, coma o colexio- en Galicia poallou, babuxou, barruxou, zorriscou, chuviscou, orballou, viñeron trebóns, ballóns e dioivos, choveu a cachón e caeron chuzos de punta. Arrollou o ceo mesmo por riba das súas posibilidades e nin os nostálxicos ousaron repetir o retrouso habitual de que os de antes si que eran invernos e que o de agora é un puro sucedáneo.

A auga fai paisaxe no país dos mil ríos e permite levar as katiuskas con dignidade. Porque, como se amañan as e os ‘fashion victims’ de secano para ir á oficina coas botas de goma cando os mercurios non baixan dos quince graos e chove só nos anos bisiestos?

Amandi, xenitivo do verbo amar. Un lugar no mundo que leve ese nome -un sitio digno de ser amado- presaxia o cultivo de historias apaixoantes, fermosura e promesas.

A culpa de que Lugo goce dun viño, o de Amandi -premiado a nivel internacional e reseñado nalgunhas das mellores guías enolóxicas do mundo-, tena o emperador Diocleciano, que cun xeneroso aceno, no século III permitiu as exportacións das excelentes vides que medraban entre o Tigris e o Eúfrates.

Roma chegaba así a terras soberinas, fogar de tribos castrexas como os lémavos (citados por Plinio El Viejo no seu ‘Naturalis historia’) cun agasallo de deuses: unha bebida de emperadores, bispos e moito más tarde, patrimonio material de masas.

«¿Subes?». Directo reclamo -propio dun eficaz artesán de palabras- para animarse a viaxar ao lombo do tren turístico Aba Sacra da Ribeira Sacra, o que fai o tour ‘Viticultura heroica y cañones del Sil’. Un tren chuchú marelo fabricado en Alemaña que como serpe repta polas flexuosas ‘cuasi’ estradas das abas graníticas.

© 2018 El Progreso Rúa Ribadeo s/n, Lugo · Tlfno: 982 29 81 00

Please publish modules in offcanvas position.