Faldón superior

Propuestas

Bóveda da igrexa de Vilar de DonasTexto: MARTA VEIGA. Fotos: XESÚS PONTE

A LISTAXE dos reis godos era unha desas torturas preEXB que exemplarizaban os tempos de «a letra con sangue entra». Días de zocos, de xergóns de follado de millo e calefacción rumiante, con catro tetos, baixo o sobrado, como se pode revivir na casa da Rebordela de Santiago de Albá. En Palas, a moi poucos quilómetros de Albá, tivo palacio un dos derradeiros godos da listaxe, Vitiza, chamado para resucitar o reino suevo de Galicia, pero máis célebre por matar a Favila, o pai do Pelaio que logo se erguería contra os mouros.

E todo, polo amor dunha moza, como nas mellores historias.

O conto, sexa como for -hai quen di que a Favila matouno un oso-, sucedeu nos albores do século VIII. Aínda agora, tantos anos despois, escóitase aos petrucios da Ulloa dicir iso de «ir a palacio» cando van camiño de Palas, por moito que hoxe o nome de Vitiza non sexa máis ca un discreto secundario na canción de xeo e lume de Occidente.

A historia, «pero a verdadeira», desta terra converteuse nun modo de vida para Jesús, sancristán de San Salvador de Vilar de Donas e electricista xubilado logo dunha vida emigrado en Bilbao.

Vilar de Donas é unha das xoias arquitectónicas de Galicia, dun estilo ecléctico altomedieval cargado de simboloxía. Se viaxa desde a cidade de Lugo, para acceder ao templo cómpre tomar un desvío desde a estrada N-547, a man dereita, antes de chegar a Palas.

Jesús achégase en canto barrunta que hai forasteiros diante da igrexa, para abrirlles as portas e para contar unha historia que leva compilando «máis de doce anos», grazas a internet e ás achegas de «investigadores e estudosos de todo o mundo», que algunha vez visitaron esta parroquia de Palas e que agora manteñen amizade epistolar co sancristán.

Aquí, a historia oficial non ten cabida. Jesús, mesmo, querería que se quitase o panel informativo de diante do templo porque «só conta mentiras». A súa verdade pasa por negar que o fundador fose o tal Airas Pérez de Monterroso -nada que ver co secular pique de veciñanza entre palenses e monterrosinos- no século XII.

Mentres, repasa os motivos das arquivoltas: piñas de piñeiro galego, a cornamenta dun macho cabrío, atopa estelas celtas; o sol e a lúa, a flor do cardo -«símbolo de Escocia»- e o trevo -«símbolo da Santa Trindade, de San Patricio e de Irlanda-. E unha figura, engade, «co pelo curto por diante e longo por detrás, que é o tocado que levaban os monxes sanxuanistas irlandeses».

Tomba dun cabaleiro soterrado no interior do templo de Vilar de DonasE os cabaleiros da orde de Santiago?

«Chegaron máis tarde e conservaron o que había: a cruz de Santiago está só na pía de auga bendita e...».

E as donas?

O guardés é inmune ao desalento: «Nunca houbo monxas aquí; as donas foron dúas herdeiras, Munia e Visclavara Froilaz».

E refrenda a hipótese de que foi a orde irlandesa a que, fuxindo dos viquingos, chegou a Galicia e erixiu o mosteiro de Vilar de Donas, sobre un templo anterior «dos celtas». E insiste: «Os trevos, os trisqueis, a cruz de San Columbano...»

A pechadura da entrada principal de Vilar de DonasO home entra pola sancristía para abrir dende dentro a igrexa.

A portada é unha marabilla de madeira, que aínda conserva a cor vermella inglesa que foi tan común na Galicia interior hai unhas décadas. As ferraxes constrúen uns motivos idénticos aos da porta principal da catedral de Ratisbona, en Alemaña, segundo o sancristán.

Porén hai historiadores que din que non é a seo da cidade bávara, senón a igrexa de San Ulrich, a que inspirou o deseño da porta de Vilar de Donas. «Trouxo o debuxo un peregrino alemán hai como oitocentos anos», tercia Jesús.

Feita a luz, as pinturas góticas de Vilar de Donas, únicas en Galicia, son abraiantes e nelas están representados Xoán II de Castela e Enrique de Trastámara; corría o século XV cando foron feitas e os poderes eran outros.

En Palas crúzanse as biografías dos reis de León e Castela, moitos Afonsos e a afoutada Urraca, condesa de Galicia, raíña de León e Castela, e personaxe relevante na encrucillada na Iberia medieval.

A historia oficiosa e lendaria de Palas conta que centos de anos antes de que Emilia Pardo Bazán tomase inspiración para ‘Los pazos de Ulloa’, a raíña Urraca pasou tempadas de fuxidía no verdadeiro pazo da Ulloa, un caserón aínda en pé no lugar do mesmo nome, na parroquia de Curbián e de recia arquitectura.

Pódese visitar o robusto edificio nun pequeño traxecto desde a vila de Palas. Chégase -en dirección cara Melide-conducindo ata Carballal e alí se toma a man esquerda un desvío que dirixe a Curbián e Sambreixo.

Castelo de Pambre

Serve a mesma estrada para achegarse ata unha das máis importantes mostras da arquitectura militar galega; o castelo de Pambre.

Primeiro, por porte, polas súas catro torres robustas e a maxestuosa torre da homenaxe, elevada en almenas que se erguen ata os once metros de altura. Segundo, e máis importante, por pura supervivencia.

Recibe o escudo de armas dos Ulloa, pedigrí nobiliario galego.

Gonzalo Ozores de Ulloa construíu o castelo e, cando xa se albiscaba a fin da Idade Media, pasou á todopoderosa casa de Alba, que foi deixando esmorecer Pambre, un de tantos castelos no monopoly dos Alba.

Quizais o percorrido desta marcial edificación, agora comesta polas hedras e por brión que semella ouro á raiola, serva como analoxía da propia historia de Palas.

Porque, ao igual que en Pambre o choque de espadas foi enmudecido polos bruídos das vacas e o castelo botou case máis tempo como centro agropecuario que como enclave defensivo, Palas puxo fóra as intrigas pacegas e os nomes dos reis ficaron como eco para as súas xentes.

Por ese tempo, mesmo o Camiño perdeu tirón cos cismas protestantes e os palenses centráronse na súa paisaxe de prados que clarean entre soutos e carballeiras na conca alta do Ulla. Neles, aínda hoxe se pastorean as vacas das que se muxe o celebérrimo queixo da Ulloa, de pasta branda e exquisito manxar ao que esta fin de semana se lle rende tributo en Palas.



Por ese tempo, mesmo o Camiño perdeu tirón cos cismas protestantes e os palenses centráronse na súa paisaxe de prados que clarean entre soutos e carballeiras na conca alta do Ulla. Neles, aínda hoxe se pastorean as vacas das que se muxe o celebérrimo queixo da Ulloa, de pasta branda e exquisito manxar.

Poucos efectos cromáticos resultan tan espectaculares coma o contraste do pelo cobrizo do bóvido rubio do país sobre o recén da herba, que diría Lorenzo Varela.

Na mesma vila, fronte ao bar Central, tómase o camiño que dirixe a Marzá e Vilareda, empregado como roteiro do colesterol.

Interior dunha casa en Santiago de AlbáUnha ponte en Pambre

O tempo non é analóxico ou dixital nas Nogais, é ‘slowly’ neste preámbulo dos Ancares. Soutos, restos de esplendorosos castelos e pazos

TERRA DAS noces tamén o é do tic-tac tranquilo, da pausa e do paseo. Porque o apuro non é bo compañeiro para mergullarse entre camiños que parecen non levar a ningunha parte. Sendas, carreiros que hai que transitar só polo pracer de facelo. Tan tópico como verdadeiro nas Nogais. A capitalidade do concello abéirase á A-6, esa liña directa coa Meseta. A vila é pequena, dunha dimensión acolledora, cadrada entre ladeiras. Fronte á casa do concello, un dos locais hostaleiros vén contarnos iso de que menos é máis. Nunha esquina, detrás do futbolín, unha pequena cabina de dj fala de transformación. Un mesmo lugar para almorzos, tapas e noites de copas. Isto chámase reciclaxe.

O alcalde toma café cuns veciños e un deles acapara a conversa do aperitivo. Pregoa que se vai poñer a dieta, ante a pouca fe dos demais contertulios. Rulan pinchos de tortilla, embutidos dos de verdade e empanada. O de comer gusta moito na Galicia profunda e non tan profunda, na montañosa e na marítima. Somos unha raza comedoriña, que dirían moitas nais.

E o de comer ben non é cousa de risa se se fala das rutas de sendeirismo e paseos que tece As Nogais. Hidratos e unha aceptable forma física son precisos para achegarse, por exemplo, á torre de Doncos, un dos múltiples vestixios históricos que se erguen soberbios entre bosques. O acceso non é doado, pero como advirte Edita, unha veciña, «aquí non che hai nada fácil».

O camiño a esta fortaleza do século XV é un circuíto de baixadas e subidas que tira ben das pernas pouco entrenadas en tales empresas. No seu tempo exercía labores defensivos grazas a súa estratéxica situación como entrada a Galicia e está rodeada polas augas do Navia. As parrafadas que bota o Navia, ás veces rotundo, ás veces morno.

Os soutos que tordean infinitos por unha postal hiperverde, como soportais que a natura instala para unha tarde á fresca. No núcleo de Doncos tamén destaca outra xoia da arquitectura civil, o pazo que leva o nome desta parroquia duns 50 habitantes. Sabemos de Elena Veiga. No 2006 visitarámola para que nos falase como última criada do palacio, no que serviu 50 anos. Ese outro día atopámola (feliz sorpresa) sentada na entrada da casa, cos seu case que cento de anos. «E de que casa es?», pregunta. «Do Progreso. Acórdase de cando saíu no periódico?». Lembra e sorrí.

Como hai anos, recíbenos cariñosa —bicos e apertas— e invita, como entón, ás súas adoradas galletas Surtido Cuétara. «Bueno, os anos pasan», resume ela, que segue tomando café e que dá longos paseos a diario, como confirma Manuel, o marido da súa sobriña Carme, cos que vive. A dous pasos está a igrexa parroquial, cun reloxo antigo —o que dá a hora a Doncos— que Manuel insiste en amosar. Está vencellado ao templo porque dende os 13 anos aprendeu de sancristán. O reloxo, no campanario, sepárase do chan por «66 escalóns», asegura Manuel, que durante moitos anos encargouse de darlle corda: «Agora xa non, que vou canso».

Igual que outros veciños, máis dunha vez e dúas tivo que tocar as campás para misa ou outras celebracións relixiosas. A falta de campaneiro oficial, «aquí cada un encárgase de buscar a alguén que as toque cando ten un defunto». Non é que este home sexa pesimista, é que os pobos van maiores. É que, sucede, que en oito días poden pecharse dúas das casas de Doncos pola morte dos seus propietarios.

Carme prefire o verán, cando o pobo se enche de turistas e retornados temporais porque, ás veces, «isto é demasiado tranquilo». «Pero tomade un café...», di Carme. «E unhas galletas», engade dona Emilia. A Montaña lucense é así, coas portas abertas. Non é unha escena nova, pero sempre desarma aos urbanos, eses que nin coñecen o que vive ao lado, que non abren ao carteiro —menos aos da «publicidade comercial!»— e que non sempre esquivan a venda telefónica (que chega a calquera hora). En calquera momento tamén aparecen as visitas de Edita González polo negocio familiar, a casa de turismo rural A Lareira, a uns catro quilómetros das Nogais, na estrada que leva a Torés. Alemáns, ingleses, de Madrid, de León, galegos, arxentinos. A clientela é diversa, aínda que non se pode evitar falar de crise. «Abrimos todo o ano... ata que nos poñamos ricos».

Sete habitacións coquetas, unhas panorámicas de luxo, mobles antigos e un restaurante son algúns dos atractivos desta casa restaurada de máis de 400 anos. De entre os enseres, Edita agarra unha grande xerra de cristal, das de facer guinda, mentres se despide: «Isto é para ir a un curso de pintura decorativa que hai nas Nogais». Seguro que xa terá buscado un lugar na Lareira cando remate co ornamento.

'ON THE ROAD’. O tráfico é fluído nas tardes das Nogais. Non se berra e os semáforos son poucos. Só hai que deterse un anaco para que un veciño acabe de armar o tractor. E máis adiante, outro paisano ocupa a estrada carrexando as súas vacas. Xa de paso, o fotógrafo baixa para tirar a foto. Deben de andar cansos do momento tópico e acabamos rindo todos cun «¿qué, llevando recuerdos gallegos, ou?». Un dos veciños máis queridos das Nogais é o río Navia, visitado no seu curso por pescadores galegos e de fóra. Un día laboral non é o más propicio para o ocio da pesca, pero aínda así atopamos a Manuel Castro, de Becerreá, preparando a cana. É o seu primeiro día de pesca da tempada e sempre que pode, intenta vir por troitas. Cando cae a tarde nas Nogais e o mercurio afrouxa, a localidade parece revivir. Nun banco a carón da casa está Daniel. «Páganme por estar ao fresco», rentraquea.

Santo André Dubida ao principio, pero cuns datos precisos para coller confianza abre a porta da igrexa de Santo André, que non hai que deixar de visitar. Mistura diferentes estilos artísticos. Posúe unha parte mozárabe do século IX, outra románica do XII ; tamén outra do XIII e unha neoclásica do século XVII . Chaman a atención as pinturas populares no ábside, en representación do firmamento, que, por outra parte, urxen unha inmediata restauración. Ademais...Torés é outro núcleo das abas dos Ancares lugueses cunha grande riqueza patrimonial, coa fortaleza do século XV, da que se conservan as ruínas da torre, e a igrexa, cun retablo barroco do XVIII . E de camiño, nunca mellor dito, a Ruta da Ferrería de Bois, a de Doncos ou a dos Soutos. Onde elixir hai.

Texto: María L. Viñas / Fotos: J.Vázquez

Página 1 de 13

© 2018 El Progreso Rúa Ribadeo s/n, Lugo · Tlfno: 982 29 81 00

Please publish modules in offcanvas position.