Vilar de Donas

  • O palacio de Vitiza, polo amor dunha moza

    Bóveda da igrexa de Vilar de DonasTexto: MARTA VEIGA. Fotos: XESÚS PONTE

    A LISTAXE dos reis godos era unha desas torturas preEXB que exemplarizaban os tempos de «a letra con sangue entra». Días de zocos, de xergóns de follado de millo e calefacción rumiante, con catro tetos, baixo o sobrado, como se pode revivir na casa da Rebordela de Santiago de Albá. En Palas, a moi poucos quilómetros de Albá, tivo palacio un dos derradeiros godos da listaxe, Vitiza, chamado para resucitar o reino suevo de Galicia, pero máis célebre por matar a Favila, o pai do Pelaio que logo se erguería contra os mouros.

    E todo, polo amor dunha moza, como nas mellores historias.

    O conto, sexa como for -hai quen di que a Favila matouno un oso-, sucedeu nos albores do século VIII. Aínda agora, tantos anos despois, escóitase aos petrucios da Ulloa dicir iso de «ir a palacio» cando van camiño de Palas, por moito que hoxe o nome de Vitiza non sexa máis ca un discreto secundario na canción de xeo e lume de Occidente.

    A historia, «pero a verdadeira», desta terra converteuse nun modo de vida para Jesús, sancristán de San Salvador de Vilar de Donas e electricista xubilado logo dunha vida emigrado en Bilbao.

    Vilar de Donas é unha das xoias arquitectónicas de Galicia, dun estilo ecléctico altomedieval cargado de simboloxía. Se viaxa desde a cidade de Lugo, para acceder ao templo cómpre tomar un desvío desde a estrada N-547, a man dereita, antes de chegar a Palas.

    Jesús achégase en canto barrunta que hai forasteiros diante da igrexa, para abrirlles as portas e para contar unha historia que leva compilando «máis de doce anos», grazas a internet e ás achegas de «investigadores e estudosos de todo o mundo», que algunha vez visitaron esta parroquia de Palas e que agora manteñen amizade epistolar co sancristán.

    Aquí, a historia oficial non ten cabida. Jesús, mesmo, querería que se quitase o panel informativo de diante do templo porque «só conta mentiras». A súa verdade pasa por negar que o fundador fose o tal Airas Pérez de Monterroso -nada que ver co secular pique de veciñanza entre palenses e monterrosinos- no século XII.

    Mentres, repasa os motivos das arquivoltas: piñas de piñeiro galego, a cornamenta dun macho cabrío, atopa estelas celtas; o sol e a lúa, a flor do cardo -«símbolo de Escocia»- e o trevo -«símbolo da Santa Trindade, de San Patricio e de Irlanda-. E unha figura, engade, «co pelo curto por diante e longo por detrás, que é o tocado que levaban os monxes sanxuanistas irlandeses».

    Tomba dun cabaleiro soterrado no interior do templo de Vilar de DonasE os cabaleiros da orde de Santiago?

    «Chegaron máis tarde e conservaron o que había: a cruz de Santiago está só na pía de auga bendita e...».

    E as donas?

    O guardés é inmune ao desalento: «Nunca houbo monxas aquí; as donas foron dúas herdeiras, Munia e Visclavara Froilaz».

    E refrenda a hipótese de que foi a orde irlandesa a que, fuxindo dos viquingos, chegou a Galicia e erixiu o mosteiro de Vilar de Donas, sobre un templo anterior «dos celtas». E insiste: «Os trevos, os trisqueis, a cruz de San Columbano...»

    A pechadura da entrada principal de Vilar de DonasO home entra pola sancristía para abrir dende dentro a igrexa.

    A portada é unha marabilla de madeira, que aínda conserva a cor vermella inglesa que foi tan común na Galicia interior hai unhas décadas. As ferraxes constrúen uns motivos idénticos aos da porta principal da catedral de Ratisbona, en Alemaña, segundo o sancristán.

    Porén hai historiadores que din que non é a seo da cidade bávara, senón a igrexa de San Ulrich, a que inspirou o deseño da porta de Vilar de Donas. «Trouxo o debuxo un peregrino alemán hai como oitocentos anos», tercia Jesús.

    Feita a luz, as pinturas góticas de Vilar de Donas, únicas en Galicia, son abraiantes e nelas están representados Xoán II de Castela e Enrique de Trastámara; corría o século XV cando foron feitas e os poderes eran outros.

    En Palas crúzanse as biografías dos reis de León e Castela, moitos Afonsos e a afoutada Urraca, condesa de Galicia, raíña de León e Castela, e personaxe relevante na encrucillada na Iberia medieval.

    A historia oficiosa e lendaria de Palas conta que centos de anos antes de que Emilia Pardo Bazán tomase inspiración para ‘Los pazos de Ulloa’, a raíña Urraca pasou tempadas de fuxidía no verdadeiro pazo da Ulloa, un caserón aínda en pé no lugar do mesmo nome, na parroquia de Curbián e de recia arquitectura.

    Pódese visitar o robusto edificio nun pequeño traxecto desde a vila de Palas. Chégase -en dirección cara Melide-conducindo ata Carballal e alí se toma a man esquerda un desvío que dirixe a Curbián e Sambreixo.

    Castelo de Pambre

    Serve a mesma estrada para achegarse ata unha das máis importantes mostras da arquitectura militar galega; o castelo de Pambre.

    Primeiro, por porte, polas súas catro torres robustas e a maxestuosa torre da homenaxe, elevada en almenas que se erguen ata os once metros de altura. Segundo, e máis importante, por pura supervivencia.

    Recibe o escudo de armas dos Ulloa, pedigrí nobiliario galego.

    Gonzalo Ozores de Ulloa construíu o castelo e, cando xa se albiscaba a fin da Idade Media, pasou á todopoderosa casa de Alba, que foi deixando esmorecer Pambre, un de tantos castelos no monopoly dos Alba.

    Quizais o percorrido desta marcial edificación, agora comesta polas hedras e por brión que semella ouro á raiola, serva como analoxía da propia historia de Palas.

    Porque, ao igual que en Pambre o choque de espadas foi enmudecido polos bruídos das vacas e o castelo botou case máis tempo como centro agropecuario que como enclave defensivo, Palas puxo fóra as intrigas pacegas e os nomes dos reis ficaron como eco para as súas xentes.

    Por ese tempo, mesmo o Camiño perdeu tirón cos cismas protestantes e os palenses centráronse na súa paisaxe de prados que clarean entre soutos e carballeiras na conca alta do Ulla. Neles, aínda hoxe se pastorean as vacas das que se muxe o celebérrimo queixo da Ulloa, de pasta branda e exquisito manxar ao que esta fin de semana se lle rende tributo en Palas.



    Por ese tempo, mesmo o Camiño perdeu tirón cos cismas protestantes e os palenses centráronse na súa paisaxe de prados que clarean entre soutos e carballeiras na conca alta do Ulla. Neles, aínda hoxe se pastorean as vacas das que se muxe o celebérrimo queixo da Ulloa, de pasta branda e exquisito manxar.

    Poucos efectos cromáticos resultan tan espectaculares coma o contraste do pelo cobrizo do bóvido rubio do país sobre o recén da herba, que diría Lorenzo Varela.

    Na mesma vila, fronte ao bar Central, tómase o camiño que dirixe a Marzá e Vilareda, empregado como roteiro do colesterol.

    Interior dunha casa en Santiago de AlbáUnha ponte en Pambre

© 2018 El Progreso Rúa Ribadeo s/n, Lugo · Tlfno: 982 29 81 00

Please publish modules in offcanvas position.